O que abre un Parlamento das Cousas

O venres 15 de marzo celebramos un Parlamento das Cousas das vidas e das xentes. Ao Círculo de Comunidade achegámonos representantes da alianza de Terra Creativa, o grupo ACHEGA, un grupo de alumnes da facultade de socioloxía da UdC, o artista Diego Vites xunto a veciños e veciñas de Corcubión.

O grupo ACHEGA (Elvira Santiago, Carlos Diz, Jose A. Cortés) tiñan preparada xunto aos alumnes a metodoloxía para levar á práctiva un parlamento no que falaríamos do pasado-presente-futuro do monte a través dos obxectos.

O parlamento abriú o valor do monte para a comunidade nun exercicio colectivo de fala e escoita.

Incorporamos aquí algunhas reflexións e relatos da experiencia de aqueles que fumos e tomamos parte deste parlamento:

Diego Vites (Artista)

>> Quédome co que alguén dixo no parlamento, non recordo quen pero serve para sintetizar tódalas perspectivas que alí se compartiron. “O monte é enerxía”

Para os maiores foi enerxía que quentaba os fogares e preparaba os alimentos, foi tamén cama para o gando e estrume para as hortas. Toda enerxía é transformada.

“Esta leña quenta dúas veces” dicíame un veciño mentres fendía troncos para queimalos no inverno. Traballo, moito traballo non sempre agradecido, e así se veu nas ferramentas que trouxeron como obxetos para falar do monte, un monte que precisa de coidados, recibir e dar.

O mundo mudou e con el o monte, a seguinte xeración xa non o percibe como lugar de traballo, transformouse (para eles) en lugar de xogo, de aventuras imaxinadas, de casetas e acampadas. Falan con nostalxia a través de arcos e flechas, coitelos, chourizos e esterillas. Enerxía vital e unha experiencia as voltas case mística. Queda por ver que acontece cos mais novos… (Diego Vites – Artista)

>> Serxio Iglesias (Boca de Sapo)

>> A dinámica “O parlamento das cousas” serviu de alicerce, de sustento á nosa comunidade BDS, unha comunidade que foi definida como ecosocial dende a súa fundación. E foi así porque dende a comunicación e partillamento mútuo, transxeracional, apuntalouse a idea de vínculo comunitario acompañados do respecto ao medio.

Escoitarse foi tamén escoitar o monte. Un monte poliédrico, fonte de recurso, camiño iniciático, patria de infancia. Pero un monte, ás veces bosque, ás veces non, que fala diferentes linguas.

O monte, e creo que quedou claro na dinámica, foi testemuña directa da transformación sufrida no territorio nas últimas décadas. Testemuña viva do paso da sociedade rural á sociedade semiurbana. Esa escena definitoria da sociedade galega. Esa que representa a un rapaz que xoga no monte pegado aos edificios

>> Paula Varela (Estudante)

>> Participar no Parlamento das Cousas foi unha experiencia estimulante de aprendizaxe e (re)conexión co monte. A pesar da incerteza da experimentación e o temor a que a sesión non resultase atraente ou útil á veciñanza, topámonos cun grupo moi interesado en compartir, onde as memorias, opinións e proxeccións xordían de forma orgánica e respectuosa. Síntome moi agradecida de ter colaborado nun proxecto tan emotivo, creado dende o cariño e a vontade de recordar o pasado, actuar no presente e (re)pensar o futuro conxuntamente.”

>> Carlos Diz (Docente)

O Parlamento das Cousas de Monte Cambeiro fixo pública e colectiva unha intimidade veciñal. Cun obxecto, cun xesto, cunha palabra, cunha broma, a veciñanza alí reunida teceu e desvelou unha memoria e un sentir comunais, que non resultaron homoxéneos pero si coidadosos, e por iso mesmo fixeron real a posibilidade dun encontro rico e fermoso. Pensar os futuros do monte e, con el, os futuros da comunidade, non tería sido posible sen a participación alegre e xenerosa de alumnado, veciñas e asociacións. ¡Por fin un Parlamento no que escoitar, máis que falar, fixo posible o intercambio honesto e o pensamento colectivo!

>> Estefanía Tarrio (Estudante)

Ser partícipe no “Parlamento das cousas” permitiume aprender colaborativamente sobre a diversidade de temas que entrama falar do(s) monte(s). Foi marabilloso escoitar como a xente aló reunida debatía de maneira respectuosa sobre aspectos tan interesantes como a creación dunha memoria do monte, as diferencias interxeracionais (pero tamén os significados compartidos) que existen sobre o entorno, así como as incertidumes (tamén partilladas) que existen sobre o seu futuro. Non podo estar máis agradecida tanto do proceso como do resultado final.

>> Inés (Veciña)

A vivencia do pasado 15 de marzo foi todo un descubrimento para min que non son dada a natureza, dime de conta de toda unha plétora de sentimentos cara ao monte, de camaraderia, de compromiso e de moito amor alí sentado no parlamento.

>> Jose Antonio Cortés (Docente)

Sentín o Parlamento das Cousas como un experimento, por varios motivos. Primeiro, por lanzarnos a un territorio, Corcubión, no que non tiñamos experiencia previa de campo. Segundo, por aventurarnos a un deseño metodolóxico novo, en certa medida rompedor, guiados case por unha corazonada e sen garantías de que fóra a funcionar. Terceiro, por aspirar a un proceso radicalmente participativo coa axuda do alumnado. E saíu ben, porque contabamos co tecido e as redes de Boca de Sapo e de Azul mais Verde e co coñecemento de toda unha vida no terreo de Elvira; porque as horas de traballo de reflexión, debate e preparación déronnos seguridade e recursos fronte as moitas continxencias que podían saír e que saíron; e porque contamos cun equipo de estudantes de grao, posgrao e doutoramento que desde o principio fixeron seu o experimento. Longa vida, Parlamento das Cousas!

>> Paula Sánchez (Estudante)

Participar en “O Parlamento das cousas” nos permitió salir del aula y ver, aprender, conocer, in situ, otras formas y posibilidades de generar y compartir conocimiento(s). Pensé que no saldría bien porque la participación no iba a ser como esperábamos. Sin embargo, el resultado fue todo lo contrario. Gracias a los/as vecinos/as por compartir sus objetos, memorias y vivencias de/en el monte. ¡Espero poder repetir la experiencia!

>> Clara Bobillo (Estudante)

Acudín ao Parlamento das Cousas cun pouco de medo a que a actividade non lle resultase interesante á veciñanza. Pola contra, o que alí aconteceu superou todas as miñas expectativas. Resultoume moi gratificante poder ver como os veciños e veciñas de Corcubión falaban sobre as súas relacións co lugar e, sobre todo, ver como imaxinaban de maneira conxunta un futuro posible para o monte.

>> Uxía López (Estudante)

Unha xuntanza tan produtiva como o monte mesmo. A veciñanza acolleunos de xeito inmellorable trasladándonos a súa memoria do monte e expoñendo os seus pensamentos e obxectos aos nosos micros e cámaras. Para min foi un encontro enriquecedor no que non só aprendín, senón que tamén puiden (puidemos) formar parte da memoria do Monte Cambeiro. O Parlamento das Cousas foi unha nova forma de relación con ese espazo e, polo tanto, unha maneira actual de facer e entender o monte como un lugar de colaboración e intercambio de relatos e saberes.

>> Elvira Santiago (Docente)

Unha tarde de moita emoción poñendo en práctica, por primeira vez, o Parlamento das Cousas que deseñamos entre alumnado e profesorado. Tiñamos moita curiosidade, e certa preocupación, por ver cómo funcionaba, si a xente se animaba a compartir os seus obxectos e memorias, se a choiva permitiría celebrar a actividade no monte… Unha alegría que todo salise mellor do imaxinado e moitas ganas de repetir.

>> Paco Perú (Boca de Sapo)

Foi unha experiencia profundamente enriquecedora que resoou con emocións, recordos e perspectivas diversas. Reuníndonos ao redor de obxectos que evocaban o espírito do monte, mergullámonos nun diálogo que trascendeu o tempo e as xeracións. Desde a sabedoría arraigada nos recordos de quen creceu entre o balume e aperos do monte ata a curiosidade palpable das xeracións máis novas, os obxectos compartidos contaban historias diferentes segundo fluía a cascada interxeneracional. O experimento interxeracional revelou a riqueza de perspectivas e a diversidade de experiencias que converxen en torno ao monte. Lembrounos que, aínda que as nosas visións poidan diferir, compartimos un vínculo profundo con este espazo que trascende as barreiras xeracionais.

>> Álex López (Boca de Sapo)

Din que desde o local podes chegar a ser universal, e iso foi o que sentín alí en Monte Cambeiro sentado no círculo de madeira que facía de parlamento. Unha ágora. Unha «universitas». Un «conxunto de todas as cousas» coas que a través da palabra e dos obxectos construírmos a memoria colectiva dun pobo. As cousas son cousas até que deixan de ser cousas e son memoria e a memoria é o espello do pasado coas que mirarnos para comprender o presente e poder ter futuro. Memoria, futuro, esperanza e comunidade foron algunhas das palabras que alí se pronunciaron a modo de resumo do que pasou. Recuperar a memoria. Recuperar a autoestima colectiva. Recuperar o parlamento. Recuperar a palabra. Foi unha fermosa cousa o parlamento das cousas.

>> Maria Bella – Azul mais Verde/Boca de Sapo

Galiza é un pais rural cunha historia, polo menos no último século, de expropiación acumulativa da cultura e vida en comunidade que diu sentido e forma ao territorio que nos esta desaparecendo. O monte é un exemplo deste proceso de desposesión. Polo tanto facer falar ao monte a través dos obxectos testigo dunha realidade que existiú, facer que os corpos da comunidade que foi e que aínda é fagan de tradutores do que o monte atesoura paréceme un exercicio máxico. Desde azul mais verde habilitar espazos de hospedaxe das linguas e formas da comunidade fronte ás violencias de apropiación das formas de vida paréceme un exercicio fermoso. Como din o pensador decolonial Rolando Vazquez, a ruina é a que nos da o aviso para non esquecer e a esperanza só é posible se somos capaces de recordar. O outro día, desde un territorio en ruinas, enchémonos todas de esperanza.

>> Espazo para tesouros con outros formatos. Neste caso unha aportación moi xenerosa do veciño Xabier Paz

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *