Un monte todos os montes
En Galicia, o monte foi historicamente peza central da vida comunitaria: ligado á organización territorial da parroquia, xestionado como propiedade privada colectiva e inalienable, sostén dunha economía de vida común que a industrialización foi esvaecendo.
Un monte todos os montes parte desta realidade para propoñer un desprazamento: pensar o monte non como recurso a xestionar nin como paisaxe a preservar, senón como constelación de territorios concretos atravesados por memorias, prácticas e formas de gobernanza que poden converterse en ferramentas operativas para futuros desexables.
A publica-acción estrutúrase en catro partes que se entrelazan e reforzan entre si:
A primeira explora a acción cultural como espazo posibilitador —a través de proxectos situados como Terra Creativa no Monte Cambeiro de Corcubión, Terra Común coa Comunidade de Montes de Couso en Gondomar, ou Reverdecer nos bosques autóctonos de Galicia— onde a arte e a mediación abren formas de relación co monte que van máis alá do simbólico.
A segunda recolle figuras de gobernanza do territorio: a custodia, os comunais, a litigancia estratéxica e os dereitos da natureza —con experiencias como a Declaración de dereitos do río Tins en Serra de Outes, primeiro recoñecemento deste tipo en Galicia— como instrumentos para potenciar a acción cidadá sobre o monte.
A terceira convoca as memorias das comunidades que resisten xunto ao monte ameazado: desde Ourense, a través do río Bibei en Vilariño de Conso, historicamente embalsado e hoxe ameazado por un novo proxecto hidroeléctrico reversible; pasando pola Costa da Morte no monte comunal da Ruña en Mazaricos; e chegando a Traspielas, en Fornelos de Montes, Pontevedra, onde espertamos a memoria da resistencia contra o vertedoiro e a canteira.
Por último, un ensaio visual entra e sae ao longo da publicación, facendo un convite á observación do monte.
Impulsada por Azul mais Verde Coop. e apoiada pola Fundación Daniel y Nina Carasso, a publicación reúne investigación, creación, mediación e traballo comunitario desde distintos puntos de Galicia. O propio libro, na súa forma e materialidade, ensaia unha práctica de biodiversidade: composición aberta de escalas, ritmos e voces —en galego normativo, popular, reintegrado e portugués— que o lector percorre como experiencia.
FICHA
- Título: Un monte todos os montes
- Proxecto e dirección editorial: Azul mais Verde Coop.
- Textos: Adriele Andrade Précoma · Natalia Balseiro · Lara Barros Alfaro · María Bella · Martiño Cabana Otero · Joám Evans Pim · Susana González · Outonía S. Coop. Galega · Óscar Rivas López · Fran Rodríguez Casal
- Ensaio visual: Antonio Nodar
- Deseño: Andrés López Estudio
- Editor convidado: Roberto Abuín
- Apoio e financiamento: Fundación Daniel y Nina Carasso
- Distribución: Consorcio Editorial Galego
- Páxinas: 264
- Impresión: Agencia Gráfica
- Prezo: 16€
Contacto: María Bella · mariabellabuschmann@gmail.com ·
Azul mais Verde co apoio e financiación da Fundación Daniel y Nina Carasso
Colaboran:
Natalia Balseiro, Susana González, Lara Barros Alfaro, Joám Evans, Asociación Galega de Custodia de Territorio, Adriele Andrade Précoma, Outonía Coop. Fran Rodríguez Casal, Antonio Nodar + Asociación Boca de Sapo, Plataforma pola defensa da Ruña
Deseño: Andrés López Estudio
|
Proxecto: |
Un monte todos os montes |
|
Ano: |
2026 |
|
Ubicación: |
Galicia |
|
Créditos imaxe |
|
|
Outros |
PRÓXIMAS PRESENTACIÓNS E ACCIÓNS
^^^^^^^^^^^^^
- 18 de abril ás 17h – Círculo de Comunidade
- Monte Cambeiro de Amarelle – Corcubión
- Coordenadas 42°56’46.4″N 9°11’49.3″W

PLAN COMPLETO: O día dará comezo ás 9:30 h cunha xornada de voluntariado xunto ás brigadas deseucaliptizadoras no Monte Santo Andrés en Corcubión. Ás 14.30h celebraremos un xantar comunitario e, para rematar, ás 17h primeira presentación pública de Un monte todos os montes.
Para participar da xornada de voluntariado debes apuntarte no correo bocadesapo.corcubion@gmail.com antes do 14 de abril
+info en https://www.verdegaia.org/wp/18-de-abril-2a-roga-no-monte-santo-andre/
A presentación será aberta a todo o público e non require inscripción previa
As anfitrionas deste día serán Comunidade Ecosocial e Cultural Boca de Sapo, Concello de Corcubión e Azul mais Verde coop coa colaboración de Fundación Montescola e Verdegaia.








